A Xunta de Galicia proxecta a construción dunha planta de compostaxe en Baión

A futura planta podería tratar os residuos orgánicos domésticos dos concellos de Vilagarcía, Cambados e O Grove, entre outros.

5c1474ef1da104517965d8367e1638484c56158e
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez presentou o pasado 2 de decembro o proxecto para a nova planta de compostaxe de Sogama que se situará no polígono de  Baión, no concello de Vilanova de Arousa. 
A nova planta ocupará sete parcelas do parque empresarial cunha superficie total de 19.585 metros cadrados. Esta planta será a segunda en Galicia, despois da Cerceda nas instalacións de Sogama, que se dedicará ao tratamento e xestión dos  biorresiduos domésticos. O obxectivo desta nova infraestrutura é dar servizo a 25  concellos nun radio de acción de 50 quilómetros, o chamado eixo atlántico sur, entre os que se atopan Vilagarcía de Arousa, O Grove ou Cambados, entre outros.

Na futura planta trataranse 15.000 toneladas ao ano de residuos domésticos e 7.000 toneladas de podas e restos de madeira. Con este material espérase xerar 6.000 toneladas anuais de compost de alta calidade, que serán utilizados como abono natural e sostible, fomentando a economía verde e circular.

O presidente de Sogama, Javier Domínguez, explicou que o procesamento dos residuos orgánicos constará de sete fases, desde a separación dos materiais, pasando pola fermentación e maduración do compost e o seu tratamento final. Ademais, utilizaranse as últimas tecnoloxías de procesado e enerxías renovables. 

Agárdase que os traballos de construción da nova planta de comostaxe dean comezo no ano 2021 para que esta entre en funcionamento antes do prazo da Unión Europea que establece a reutilización dos residuos orgánicos antes do 2023. Mentres, os  concellos terán que ir adaptando os seus servizos de recollida de lixo coa implantación de contedores marróns para os residuos orgánicos que serán os que se tratarán nesta planta de compostaxe de  Baión. Exemplo desta adaptación, é a instalación do contedor de residuos orgánicos (tamén chamado contedor marrón) no concello de Vilagarcía de Arousa, acontecemento que tamén recollemos esta semana na sección de novas da Tropaverde de Vilagarcía de Arousa.
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando