Que ten que ver reducir o consumo de carne co medio ambiente?
Por que reducir o consumo de carne protexe ao medio ambiente? Na actualidade, a forma na que se producen os nosos alimentos require de gran cantidade de recursos, tanto para a súa produción como para o seu transporte e embalaxe. Dentro da produción de alimentos, a gandería industrial e, por tanto, o consumo de carne, é o sector que xera maiores impactos no medio ambiente e na nosa saúde.
Por que a gandería industrial explota tantos recursos naturais e destrúe o noso planeta?
A gandería industrial implica un consumo elevado de recursos naturais e graves custos ambientais. A alimentación do gando, a base de pensos, na súa maioría transxénicos, é o principal motor da expansión dos monocultivos en todo o mundo e, por tanto, da deforestación, empregándose unha gran cantidade de auga e chan para a súa produción.
Á produción de carne en macro-granxas temos que sumar todos os recursos que se empregaron para xerar o penso que alimenta ao gando. O 80% de todas as terras agrícolas a nivel mundial destínanse á súa alimentación.
Gandería industrial: o planeta en xaque
A gandería industrial, a partir da cal se produce boa parte da carne e derivados que consumimos no noso a día a día, ocasiona problemas aquí e nos países do Sur. O cultivo de grandes extensións de terras, non só provoca a deforestación de valiosos ecosistemas, senón a privación dos medios de vida de miles de persoas que en moitos casos ven obrigadas a abandonar os seus fogares.
Cambio climático
O 14% do total das emisións de CO2 equivalente a nivel mundial xéraas a gandería industrial.
Deforestación
A gandería industrial é responsable do 70% da deforestación no Amazonas. Isto débese aos monocultivos de soia e millo, que arrasan boa parte de América Latina e Asia, para producir penso e alimentar ao gando en Europa. Ademais, a maior parte destes cultivos son transxénicos.
Acaparamento de terras
9.000 familias son desprazadas todos os anos en Paraguai pola expansión da soia para producir penso. Esta alarmante situación repítese unha e outra vez en diferentes países. As comunidades son expulsadas das súas casas, e ven privadas de terra e auga; recursos que son a súa fonte de alimentación e que representan os seus medios de vida.
Malos tratos animais
O 87% dos porcos están encerrados no interior de naves sobre chans total ou parcialmente enreixados e nunca verán a luz do sol. A gandería industrial caracterízase polo amontoamento de animais en espazos moi reducidos onde apenas se poden mover. Nunha década o número de animais case se cuadriplicou, mentres a superficie para albergalos non variou.
Consumo de carne, emprego e saúde, que teñen que ver?
En España, as macro-explotacións gandeiras aumentaron exponencialmente afectando a pequenos municipios principalmente pola contaminación de auga e chans. Isto deixa á poboación sen auga potable e converte as súas terras en terreos impracticables para a agricultura. Ademais, a gandería industrial substitúe a pequenas granxas familiares que producen de forma máis respectuosa coa contorna e os animais e fixan poboación no medio rural.
Sobre-explotación de acuíferos
Para producir un quilo de carne de vacún necesítanse 15.000 litros de auga. A mesma cantidade de auga que utiliza unha persoa en 100 días. E con todo, para un quilo de lentellas só necesitamos 5.000 litros.
Destrución de emprego
Entre 1999 e 2013 desapareceron 128.000 granxas familiares en España, un 71% do total. Na actualidade proliferan as explotacións industriais, con miles de animais encerrados en naves, e baixísimos custos de produción á conta do medio ambiente, a saúde e o emprego.
Contaminación de auga e chan
142 municipios de Cataluña teñen problemas coa auga potable debida á contaminación causada polos xurros, os excrementos dos porcos. A terra só é capaz de absorber un 9% destes xurros, polo que o 91% restante contamina o aire, a terra e os recursos hídricos.
Problemas para a saúde
En España úsanse catro veces máis antibióticos que en Alemaña e dez veces máis que en Dinamarca para producir un quilo de carne. O abuso de antibióticos na gandería industrial é a principal causa do aumento das resistencias microbianas nas persoas. Cada ano morren en Europa 25.000 persoas porque moitos antibióticos xa non son eficaces.
Ata a data, a Política Agraria Común europea fomentou a expansión da gandería industrial e, por tanto, os seus impactos: pero podemos darlle a volta.
Transitar cara unha alimentación baseada en vexetais pode darlle a volta a esta realidade. Consumamos local ou de proximidade e de xeito consciente. O teu consumo marca a diferenza.
Voltar o listado