Por que a UE quere prohibir a exportación de residuos non reciclables?
A Comisión Europea propuxo a semana pasada prohibir a exportación dos residuos xerados na Unión Europea, a non ser que os países terceiros demostren que son capaces de reciclalos.
En concreto, Bruxelas expuxo que se prohiba o transporte dos refugallos aos países que non forman parte da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), agás se estes os aceptan expresamente e se demostra que teñen a capacidade para darlles un novo uso. O Executivo comunitario quere prohibir tamén as exportacións aos países que si forman parte da OCDE, se o aumento do lixo a un Estado en concreto xera un "risco" para o medioambiente ou a saúde pública.
Para garantir que se cumpre o obxectivo, a Comisión solicitará información ás autoridades do país en cuestión para saber como tratan os residuos. Ademais, as empresas europeas que os transporten terán que facer unha auditoría independente sobre o tratamento dos refugallos en terceiros países. Coa proposta que expuxo hoxe e que agora terán que aprobar o Parlamento Europeo e o Consello da UE (os países), Bruxelas quere actualizar a normativa de tratamento de residuos, que data de 2006. Desde entón, segundo a Comisión, a exportación de lixo aumentou "considerablemente, especialmente aos países que non forman parte da OCDE".
En 2020, a UE exportou 33 millóns de toneladas de residuos e importou 16 millóns e ademais, transportou uns 70 millóns de toneladas entre os países da UE. Para mellorar o tratamento dos refugallos no interior da UE, a Comisión propuxo harmonizar as normas sobre o transporte de residuos, establecer condicións máis estritas para a súa incineración ou dixitalizar todo o proceso do envío.
Outro dos obxectivos da Comisión é combater o comercio ilegal de residuos, que segundo as cifras recentes, representa entre o 15 e o 30% do transporte de desfeitos, grazas a que as empresas conseguen eludir as normas existentes, creando estruturas empresariais legais. A proposta da Comisión provocará que a UE teña que xestionar un maior volume de residuos, pero Bruxelas cre que "non debería haber grandes desafíos" para a industria europea de tratamento de metais ferrosos e non ferrosos, así como dos refugallos de papel, que representan todos eles a maior cantidade de lixo exportado a terceiros países.
Bruxelas tamén cre que a industria do plástico será capaz de reciclar unha maior cantidade de residuos, polo impulso que suporán as políticas públicas a nivel nacional e europeo para reducir o uso destes produtos. En cambio, si admite que hai unha "reciclaxe limitada" da industria téxtil, pero a Comisión cre que "probablemente cambiará no futuro" e en 2022 presentará unha estratexia para facer que o sector sexa máis sostible.
Imaxe de Kinga Lopatin
Voltar o listado