Os obxectivos de desenvolvemento sustentable en Galicia

A Xunta de Galicia presenta a primeira diagnose sobre o cumprimento en Galicia dos obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU que será difundida a vindeira semana polo Instituto Galego de Estatística

Abc9465f43671988dab164600ef0dda7b1f051a8

O pasado 16 de novembro, a Xunta de Galicia presentou  o primeiro informe de diagnose sobre a aplicación na comunidade dos obxectivos de desenvolvemento sostibles (ODS) impulsados pola ONU no ano 2015 co fin de avanzar cara a un mundo máis xusto e sustentable a través do impulso de iniciativas, políticas e programas específicos desde diferentes ámbitos.

Grazas á diagnose realizada, Galicia pode coñecer non só o estado actual da comunidade con respecto ás metas fixadas polas Nacións Unidas a través da Axenda 2030 e os seus 17 ODS, senón tamén identificar oportunidades de mellora de cara ao futuro. Para obter esta diagnose estudáronse os avances acadados na comunidade para 77 das 169 metas comúns propostas pola ONU e abrangue os 17 ODS identificados.

Entre as principais conclusións obtidas neste estudo diagnóstico pode citarse a nivel ambiental e de calidade da auga que Galicia aumentou o volume de augas residuais depuradas por habitante e día en máis dun 50%. Tamén destaca en enerxías renovables, un indicador moi ligado ás accións promovidas pola Xunta como coordinadora en Galicia do Pacto das Alcaldías e no que se seguirá avanzando grazas á aprobación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 a finais do ano pasado.

O papel do turismo sustentable e a súa evolución tamén ocupan un papel destacado na análise como motor que impulsa e promove a preservación do patrimonio natural e cultural galegos, á vez que potencia o emprego e a economía. Relacionado con isto, no ODS número 15, Vida de Ecosistemas Terrestres, Galicia deu pasos importantes de cara á conservación de todos os valores e elementos naturais que a conforman, como foron a aprobación da Lei de Patrimonio Natural, a posta en marcha da Rede Galega de Parques Naturais e da Rede de Reservas da Biosfera ou a mellora do marco normativo autonómico de protección en materia de paisaxe.

En canto á Promoción de cidades e comunidades máis sustentables, o ODS número 11, houbo avances significativos, como o impulso á chamada Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia ou o Plan de Transporte Público de 2018 así como outras accións interdepartamentais para achegar ás nosas urbes ao modelo da Axenda 2030.

Así mesmo, con relación aos obxectivos 12 e 13 fixados pola ONU –que se corresponden coa Produción e o consumo responsables e a Acción polo clima- o informe salienta dous fitos recentes pero que marcarán a evolución da comunidade nos próximos anos con relación a ambos indicadores: a Estratexia de Economía Circular 2030, cunha dotación de 865 millóns e cuxo retorno se estima en máis de 6.000 millóns; e a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, que ten como meta alcanzar a neutralidade climática, coa que se busca o equilibrio entre as emisións e a capacidade de absorción natural do medio.

Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando