Os cachalote volven ás costas galegas por primeira vez dende 1980
Un artigo publicado en La Voz deGalicia o pasado 13 de agosto anunciaba o avistamento dun cachalote na zona de A Mariña. Esta nova chega no ano declarado como o ano do cachalote polo Cemma, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, sendo a primeira vez que este mamífero é visto nas augas das nosas costas dende o ano 1980.
Foi no ano 1981 cando a Comisión Baleeira Internacional prohibiu a cazados cachalotes (Physeter Macrocefalus). Esta especie mariña foi tamén recoñecida como especie ameazada pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN polas siglas en inglés International Union for Conservation of Nature).
A simple vista, o que máis destaca do cachalote é o tamaño da súa cabeza xa que esta representa a terceira parte de toda a lonxitude do animal. As dimensións da súa cabeza converten ao cacholote no animal que posúe o cerebro de maior tamaño.
A supervivencia deste animal, que é o mamífero mariño con dentes máis grande que existe, está fortemente ameazada pola actividade baleeira, que foi especialmente intensa nos séculos XVIII e XIX. Naquela altura, os cachalotes eran cazados para a obtención de aceite e ámbar gris, unha secreción producida por unha baixa porcentaxe dos cachalotes que acada un elevado valor económico no mercado da perfumaría. Cando non son presa dos pescadores, os cachalotes en liberdade son animais moi lonxevos e poden vivir ata 70 anos.
Este avistamento proba a volta ás costas galegas dun animal mariño que, ao igual que as baleas ou os golfiños, é mamífero e debe saír á superficie para tomar o osíxeno que precisa para sobrevivir. Nestas saídas, é posible observar que, a diferenza dos golfiños, os cachalotes non presentan unha verdadeita aleta dosal. O aire que inspiran nas súas incursións á superficie dos océanos permítelles sumerxirse a máis de 2,5km de profundidade. A súa capacidade para descender ata esa distancia sobre o nivel do mar convérteo no mamífero mariño capaz de acadar a maior profundidade. Alí, os cachalotes poden pasar ata dúas horas na procura de calamares, sendo estes animais a base da súa alimentación.
No que respecta a esta alimentación é de destacar que os cachalotes son os depredadores máis grandes que existen (e posiblemente que teña existido ata o de agora), podendo acadar os 18 metros de lonxitude e 60 toneladas de peso no caso dos individuos macho. Quizais foron as grandes dimensións deste depredador mariño as que levaron a Herman Melville a converter a un cachalote albino nun dos protagonistas da súa novela Movy Dick, publicada en 1851. De feito, o nome deste libro deriva de “Mocha Dick”, nome co que se coñecía a un cachalote albino que no ano 1839 se deixaba ver pola costa chilena e no que se basa a novela de Melville.
Outro dato curioso sobre os cachalotes é que os ultrasons que emiten para orientarse e atopar ás súas presas poden transmitirse baixo o mar ata os 10 km de distancia. Este sistema de localización denomínase ecolocalización e posibilita a orientación dos cachalotes ao seren estes capaces de interpretaras ondas que lles chegan cando os ultrasons rebotan contra os obxectos e organismos e os rodean.
No que respecta á súa presencia ao redor do mundo, os cachalotes distribúense por todas as augas oceánicas, agás nas que rodean aos polos. É habitual atopalos en zonas próximas a pendentes e canóns submarinos e segundo indica o persoal técnico do Cemma, podemos ter a sorte de velos pasar por diante das costas galegas na súa migración.