O Carballo do “Bosque do banquete” de Conxo xa é a árbore española do ano!
O Carballo do “Bosque do banquete” en de Conxo (Santiago) é a árbore española do ano 2021 e optará ao título de árbore europea do ano 2022, anunciaron desde Bosques sen Fronteiras, impulsores da iniciativa.
O Carballo do “Bosque do banquete” de Conxo é un impoñente carballo duns 30 metros de altura, catro de perímetro e máis de 250 anos de antigüidade, o que lle converte no exemplar máis lonxevo deste espazo polo que se lle coñece como “O avó”.
Foi testemuña, o 2 de marzo de 1856, do insólito e histórico Banquete Democrático de Conxo, celebrado nas súas inmediacións, un acto organizado por estudantes universitarios (principalmente o poeta romántico Aurelio Aguirre) onde os mozos quixeron servir a mesa aos artesáns e obreiros, como un símbolo revolucionario de igualdade, liberdade e fraternidade, os valores democráticos recibidos da Revolución Francesa. Aurelio Aguirre comezou o seu brinde exclamando: “Sol da liberdade, o teu lume dáme!”, explican na web do certame.
O carballo, detallan, está ao pé da entrada en Santiago do Camiño Portugués de peregrinación. A 200 metros da coñecida como “Fonte da Virxe da Concha” (importante lugar de culto e peregrinación, xa citado por Tirso de Molina no século XVII) e a 300 metros do Mosteiro de Conxo (que conserva un claustro románico do século XII).
Ao redor desta árbore, en todo este Bosque do Banquete de Conxo, reuníronse en 2019 ata 5.000 persoas na segunda edición dunha multitudinaria romaría que celebraba a apertura deste espazo natural despois de máis dun século.
Este carballo obtivo 22.974 votos e en segunda posición quedou a turolense Sabina de Brancas (Aragón), que obtiveron 21.523 votos, mentres que o Drago Milenario de Icod(Tenerife) foi terceiro con 5.091 votos.
Trátase da sétima edición do concurso ‘Árbore do Ano en España” un certame que busca destacar a importancia das árbores no patrimonio natural e cultural de España e a súa importancia da relación cos seres humanos.
O concurso non busca ao máis belo senón a aquel que aglutine unha historia xunto a un profundo arraigamento coa zona na que se atopa.
Susana Dominguez Lerena, presidenta de Bosques sen frontes e de FSC España destacou a importancia das árbores singulares pois “funcionan como auténticos pulmóns e fábricas de CO2, aínda que o seu crecemento poida ser menor a gran cantidade de biomasa que presenta multiplica por 100 o crecemento dunha árbore nova”
Ao título optaban 11 árbores. A votación realizouse por internet e conseguíronse 60.683 votos, preto de 30.000 máis que a edición precedente.
O carballo de Conxo, optará ao título de árbore europea do ano 2022, cuxa votación terá lugar en febreiro de 2022.
Na última edición, a oscense Carrasca Milenaria de Lecina (Aragón) foi elixida Árbore Europea de 2021.
O concurso en España está organizado por Bosques sen Fronteiras coa colaboración do Ministerio de Transición Ecolóxica, FSC e a Fundación Feuvert.
Segundo Gonzalo Anguita, Director de FSC ESPAÑA: “As árbores singulares son un reservorio de biodiversidade único que ten un valor incalculable dentro dos bosques. Desde FSC concédese un especial protagonismo a estes elementos de biodiversidade dentro dos nosos bosques”.
Ademais, asegura Jorge Luís Marquinez, Director Xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación do MITECO: “Unha vella árbore non é soamente un elemento natural valioso ou biótopo rico en biodiversidade. As árbores singulares atesouran unha historia e son testemuñas moi destacadas do noso patrimonio natural e social”
Voltar o listado