Microplásticos no compost que abona o campo: un novo desafío para a economía circular

Hoxe en día, resulta difícil non oír falar do concepto de economía circular. De forma breve, pódese resumir en que o antes considerado como un residuo agora é unha materia prima. Materiais que antes refugabamos agora sérvennos para outras cousas e poden converterse nun novo produto. Isto xa nos resulta familiar cando pensamos no vidro, nos metais ou os envases; pero é máis difícil de asimilar no caso da fracción orgánica do noso lixo doméstico.

Cc8ba17bf02adc6f0bf8c03bac4e099487576aa8
Cando se xestiona o lixo cotián a cousa complícase. Un lixo doméstico típico contén un 40 % de materia orgánica que se pode aproveitar se conseguimos recuperala de forma separada, xa que o material resultante ten aplicación en agricultura.

Para a recolección de residuos orgánicos domésticos, as distintas administracións desenvolveron distintos métodos. Os máis estendidos son os contedores nas rúas (normalmente asígnase a cor marrón ao contedor destinado aos refugallos orgánicos) e a recolleita porta a porta, xa sexa en puntos de recollida específicos ou nos propios fogares.

Tras a recollida, os restos xerados nos fogares levan ás plantas de compostaxe onde se unen con outros restos de orixe vexetal tales como restos de poda. Así se consegue o correcto balance de carbono, nitróxeno e fósforo ata xerar un produto adecuado para o seu uso na agricultura. O proceso de compostaxe na planta complétase tras varios meses.

Hai  microplásticos no compost?

Todas as plantas de compostaxe teñen mecanismos especializados na eliminación de materiais non desexados. Poden ser metais, cristais ou plásticos. As plantas modernas de compostaxe dispoñen de mecanismos de retirada de materiais impropios con tamaños tan pequenos como 2 milímetros.

Os microplásticos son fragmentos de plástico cuxo límite superior de tamaño son os 5 milímetros e o seu límite inferior é 1 micrómetro.


Os restos de materiais plásticos están en todas partes e os nosos refugallos domésticos non son unha excepción. O plástico utilízase nos nosos fogares en grandes cantidades en forma de bolsas de plástico, envases de alimentos e unha enorme variedade de obxectos que poden terminar no lixo, mesmo na que se recolle no contedor de residuos orgánicos.


Unha vez nas plantas de compostaxe, os restos de plástico presentes que escaparon ao cribado, xunto coa materia orgánica, son sometidos aos procesos de descomposición biolóxica e tratamentos mecánicos que son capaces de fragmentalos ata xerar microplásticos. Estes son os plásticos que finalmente chegarán aos chans agrícolas onde poden ter diversos efectos.

Para reducir a chegada de restos de plástico ao compost desenvolvéronse estratexias de recolección porta a porta nas que mediante unha maior implicación cidadá búscase obter unha mellora na calidade do produto. Ademais, a chegada de novos plásticos compostables busca evitar a transferencia de restos de plásticos convencionais ao compost. A clave é que todo plástico que pase ao compost terminará diseminado no campo.

Analizamos a súa presenza

Nun estudo elaborado por investigadores da Universidade de Alcalá e a Universidade Autónoma de Madrid, examinamos o produto final elaborado en cinco plantas de compostaxe localizadas no nordés de España ao longo de varios meses de 2021. Os resultados foron publicados recentemente na revista científica Science of The Total Environment.

Nas mostras que tomamos ao longo deste estudo, separamos coidadosamente os  microplásticos do resto de materiais do compost. Unha vez separados e identificados, puidemos determinar a cantidade de plástico presente nas mostras.


Distintas etapas da investigación.

As principais diferenzas entre as plantas de tratamento son as cantidades de residuos que xestionan, que dependen da poboación atendida, as estratexias de recollida do compost e as tecnoloxías que usan para elaboralo. Estes factores resultaron ser claves para explicar a cantidade de plástico atopado.

Que atopamos?

Atopamos plástico en todas as mostras examinadas. A proporción de tamaños indica un maior número de microplásticos (menos de 5 mm) que de plásticos grandes no produto final que chega ao campo. Isto supón un problema, xa que a medida que os materiais se reducen en tamaño son máis difíciles de controlar e os danos que producen poden ser maiores.

A concentración de microplásticos varía entre plantas, nun rango de 5-20 partículas por gramo de compost, segundo a tecnoloxía empregada. As plantas de tratamento máis pequenas, que usan estratexias porta a porta e prohiben o uso de bolsas que non sexan compostables, obteñen mellores resultados que plantas de maior tamaño e que realizan menos control previo á compostaxe.

Para facerse unha idea do que supoñen estas cifras, incluso a planta con mellor resultado achegaría 4 800 millóns de microplásticos ao ano e as cinco plantas en conxunto  diseminarían 1,4 billóns de  microplásticos cada ano nos chans agrícolas.

Os principais materiais atopados no compost son o polietileno (moi común nas bolsas de lixo e a maioría de elementos cotiáns), o poliestireno e polipropileno (amplamente usados nos envases), o cloruro de polivinilo (PVC, xunto co  polietileno destaca por ser usado no filme que usamos como envoltorio de alimentos) e as fibras de poliéster e acrílicas (que se xeran por desgaste de tecidos sintéticos). Pola contra, non se atopou rastro de ningún material  compostable, o que indica un correcto funcionamento das plantas de compostaxe.

Posibles solucións

Con este traballo demostramos que un control previo á chegada dos materiais ás plantas de compostaxe é necesario. Para iso, as estratexias porta a porta, nas que se individualiza a recollida de material orgánico, teñen un efecto positivo na redución de plástico no compost. Con todo, a pesar do esforzo, mesmo nas plantas onde a recollida selectiva é máis coidadosa, atopáronse un gran número de restos plásticos

Na actualidade, as xestións individualizadas son difíciles de levar a cabo en poboacións grandes xa que é pouco viable prescindir dos contedores a pé de rúa. Para liquidar este problema e conseguir unha redución no plástico que diseminamos nos chans agrícolas existen varias ideas:

• O primeiro paso sempre consiste en minimizar o uso de certos materiais plásticos, sobre todo os dun só uso, e fomentar a reutilización cando sexa posible.

• Un redeseño dos produtos que chegan aos nosos fogares de forma que se facilite ao usuario a separación da parte compostable da non  compostable. Isto tamén se facilitaría cunha etiquetaxe adecuada dos produtos que inclúa símbolos claros.

• Unha mellora da recollida selectiva poñendo énfase na recolección o máis individualizada posible. Para iso, unha mellor educación da cidadanía resulta necesaria como primeiro paso para evitar contaminacións con materiais indesexados (os residuos identificables máis abundantes nas plantas estudadas foron máscaras e cápsulas de café).

• O uso de materiais compostables cada vez máis habituais no noso día a día demostrou ser útil para a redución da carga de plásticos no compost.

Artigo traducido ao galego dende Theconversation. Consulta aquí o orixinal.
Imaxe por melGreenFR 
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando