Galicia reduce as súas emisións de gases de efecto invernadoiro en máis de medio millón de toneladas.
O pasado 6 de decembro, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia publicou o informe sobre as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) relativas ao ano 2018, período no que se rexistrou a emisión de 29,81 millóns de toneladas, o que supón unha redución de case dous puntos en comparación co ano 2017.
Un dos obxectivos prioritarios da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 é avanzar cara a neutralidade climática. Neste senso, o Informe sobre as emisións de gases de efecto invernadoiro de Galicia indica que o cumprimento deste reto está cada vez máis preto xa que nel acredítase que ao longo do ano 2018 en Galicia emitíronse 29,81 millóns de toneladas de CO2, é dicir un 1,7% menos que no ano anterior, segundo os datos facilitados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
As emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia son monitorizados por dúas fontes principais de datos, por unha banda as emisións GEI totais de Galicia, que están dispoñibles dous anos despois de que se produzan (é dicir no ano 2020 o dato máis actualizado corresponde ao ano 2018) e, por outra as emisións daquelas entidades que participan no comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro, dos que se dispoñen dos datos no ano seguinte ao que se produzan.
As emisións GEI totais de Galicia por sectores indican que as industrias asociadas ao sector enerxético continúan a ser a principal fonte de emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia, representando un 39,2% do total.
Tamén destacan as emisións realizadas polo sector do transporte e da industria non enerxética (suma das emisións derivadas da combustión e dos procesos industriais), representando respectivamente un 19,5% e un 15,1% das emisións totais.
Este balance positivo, xunto co feito de que o Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia de 2018 medrou un 2,8%, evidencia unha progresiva descarbonización da economía galega, o que significa que Galicia está a mellorar a súa capacidade de mitigación do cambio climático.
Cómpre recordar que as emisións de gases de efecto invernadoiro teñen unha acción directa sobre o aumento da temperatura da terra e, en consecuencia, sobre o cambio climático. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda apunta que a loita contra este fenómeno global é un dos obxectivos prioritarios do Goberno Galego e seguirá sendo un dos principais eixos da actuación nos vindeiros anos; co fin de afianzar os resultados dos anos anteriores, onde a evolución das emisións GEI producidos en Galicia respecto do nivel de 1990 é mellor que a do conxunto do Estado.