España súmase ao Pacto Europeo dos Plásticos
O obxectivo é acelerar a transición cara á economía circular no ámbito dos plásticos
España sumouse en Bruxelas ao Pacto Europeo dos Plásticos, unha iniciativa cuxo obxectivo é acelerar a transición cara á economía circular no ámbito dos plásticos, eliminar os residuos plásticos do medio ambiente, reducir o uso innecesario do plástico e apostar pola innovación na reutilización e reciclaxe do plástico. De momento, adheríronse a esta iniciativa, ademais de España, outros 12 países europeos, -entre eles Países Baixos, Francia, Dinamarca, Alemaña, Italia, Grecia, Suecia, Portugal, Finlandia, Eslovenia, Lituania, Letonia- así unha como 90 multinacionais e asociacións, e espérase que haxa máis adhesións nas próximas semanas.
Esta iniciativa fixa catro obxectivos medibles para o ano 2025 e actuará sobre todos os plásticos utilizados en envases e produtos dun só uso postos no mercado no Espazo Económico Europeo. Estes catro obxectivos son:
Deseñar todos os envases de plástico e produtos de plástico dun só uso postos no mercado para que sexan reutilizables na medida do posible, e que en todos os casos sexan reciclables en 2025.
Camiñar cara a un uso máis responsable dos envases de plástico e produtos de plástico dun só uso, co obxectivo de reducir os produtos de plástico virxe e a embalaxe en polo menos un 20% (en peso) para 2025, coa metade desta redución proveniente dunha redución absoluta de plásticos.
Aumentar a capacidade de recollida, clasificación e reciclaxe de todos os plásticos utilizados en envases e produtos de plástico dun só uso en polo menos un 25% para 2025 e alcanzar un estándar de calidade de todo o proceso de reciclaxe adecuada á demanda de plástico reciclado.
Impulsar o uso de plásticos reciclados en novos produtos e embalaxes tanto como sexa posible para 2025, e que as empresas que usen plásticos logren unha media de polo menos un 30% de plásticos reciclados (en peso) na súa gama de produtos e embalaxes.
O Pacto foi promovido por Francia e Holanda e está inspirado no traballo sobre a Nova Economía dos Plásticos da Fundación Ellen MacArthur.
Os signatarios comprométense a apoiar o Pacto, recoñecendo os seus diferentes roles na cadea de valor e as súas diferentes responsabilidades como empresas de produción e reciclado de plástico; empresas consumidoras de plástico; empresas de recollida e clasificación; gobernos nacionais de países dentro do Espazo Económico Europeo ou outras organizacións de apoio (organizacións da sociedade civil, autoridades rexionais e locais, asociacións empresariais, provedores de servizos tecnolóxicos, institucións de coñecemento, ou Sistemas de responsabilidade ampliada). A Comisión Europea participará como observador.
Combater a contaminación por plástico a nivel mundial
O Pacto está vinculado a unha rede global de Pactos de Plásticos (incluíndo Sudáfrica, Malaisia e Chile), liderada pola Fundación Ellen MacArthur en colaboración con WRAP ( Waste and Resources Action Programme), axudando a avanzar nos esforzos mundiais para combater a contaminación por plástico.
Vía: RETEMA
Voltar o listado