Ecoloxistas en Acción alertan da mala situación de augas das Rías Baixas
Os últimos informes do Ministerio para a Transición Ecolóxica mostran zonas moi contaminadas da contorna de Vilagarcía e da ría de Vigo
Ecoloxistas en Acción denuncia a mala situación das masas de auga costeiras das Rías Baixas, como así reflicten os informes do propio Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
En concreto, a entidade advirte nun comunicado de que estes estudos do Goberno central destacan dúas zonas específicas neste emprazamento "moi contaminadas".
Unha delas é a ría de Arousa na contorna de Vilagarcía, con impactos por contaminación por materia orgánica, mentres que a segunda é a ría de Vigo na contorna de Moaña, por contaminación química.
Segundo lembran, Galicia conta con 11 zonas de produción de moluscos pechadas por contaminación (clasificadas dentro da categoría C) en xuño de 2020, seis delas estables e cinco provisionais.
A organización ecoloxista sinala, ademais, que o programa de seguimento BM-bio do Miterd, que avalía o impacto do lixo na biota mariña da demarcación noratlántica, atopou microplásticos no 96 por cento dos mexillóns analizados e no 100% de cetáceos varados.
Así mesmo, a asociación lembra a contaminación xerada polo tráfico de buques na devandita zona de influencia, especialmente nas súas emisións cara á atmosfera.
Fotografía por Alejandro Piñero Amerio
Voltar o listado