Compostaxe doméstica, compostaxe comunitaria, contedor marrón … Quen é quen no mundo da compostaxe?

O Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUGA) indica que 42% do total de residuos domésticos que cada persoa produce en Galicia corresponde a residuos orgánicos, isto é, restos de alimentos e pequenos restos vexetais (tales como céspede, follaxe ou ramos de flores). Aínda que se trate de residuos, estes restos presentan un elevado contido en nutrientes que podemos recuperar e devolver ao solo a través da compostaxe.

03b25f089b09f56c502c44b141de2139da10cf7f

A compostaxe é o proceso dedegradación da materia orgánica, en presencia de osíxeno. Este proceso é desenvolto por diversos microorganismos (principalmente, bacterias e fungos) que van descompoñendo os restos orgánicos e liberando os nutrientes que conteñen. Como resultado desta descomposición obtense o compost, un abono natural con aspecto moi similar á terra de bosque e que contén a maior parte dos nutrientes presentes dos restos orgánicos dos que provén.

Deste xeito, aplicando o compost aos solos, é posible repoñer neles os nutrientes que foron absorbidos polos cultivos durante o seu desenvolvemento.

Para poder transformar os residuos orgánicos, é decir, os restos de alimentos e os restos vexetais, en compost é necesario, en primeiro lugar, separalos dos demais tipos de residuos que producimos na casa. Esta separación é fundamental para asegurar unha boa calidade do compost final.

Unha vez feita esta separación, o seguinte paso será depositar os residuos orgánicos nun recipiente axeitado para que se inicie o proceso de compostaxe, ou ben, transportalos ata unha planta de compostaxe.

No primeiro caso, os recipientes que se empregan son os denominados composteiros individuais e composteiros comunitarios. Se ben ámbolos dous serven para o mesmo propósito (a transformación dos residuos orgánicos en compost), un e outro diferéncianse no tamaño e no número de persoas que o empregan.

Así, o composteiro individual (tamén chamado composteiro doméstico) ten menores dimensións ca o comunitario, é de uso individual ou familiar e adoita colocarse nunha zona verde próxima á vivenda.

Pola súa banda, o composteiro comunitario está destinado a ser empregado pola veciñanza de todo un barrio ou rúa. Este tipo de composteiros está indicado para espazos urbanos nos que as vivendas non dispoñen de zona verde para a colocación de composteiros individuais, pero nos que si hai zonas verdes municipais ou de uso comunitario. Este tipo de composteiros leva xa varios anos en funcionamento no barrio de O Piñeiriño do Concello de Vilagarcía.

A compostaxe individual e comunitaria teñen en común que, en ámbolos dous casos, os residuos orgánicos non son transportados a ningures. Isto quere decir que os residuos orgánicos depositados no composteiro vanse transformado pouco a pouco en compost no seu interior.

Porén, hai zonas, especialmente nas cidades, nas que non se dispón de espazo para a colocación de composteiros. Nestes casos, os concellos están optando por colocar nas rúas un novo contedor, o chamado “contedor marrón” ou “contedor de orgánica”. Nestes casos, é preciso que os residuos orgánicos depositados pola cidadanía no interior do contedor sexan recollidos e transportados ata unha planta de compostaxe. Estas plantas de compostaxe adoitan recibir residuos procedentes de diversos concellos, mais o proceso biolóxico que ten lugar nas mesmos é igual ca o que se produce, a menor escala, no interior do composteiro.

Por último é preciso ter en conta que, se ben a compostaxe é un proceso natural que ten lugar cada día nos nosos bosques e prados dende fai milleiros de anos, a súa chegada ás nosas vilas e ciudades é un feito novidoso na maior parte dos concellos galegos. Neste sentido, a práctica cada vez máis extendida da compostaxe individual e comunitaria ou a presenza cada vez máis habitual do contedor marrón nas nosas rúas, vén motivada por razóns tanto ambientais como de obriga legal. E é que as normativas europeas, españolas e galegas recentemente aprobadas van encamiñadas a reducir a cantidade de residuos orgánicos que producimos, especialmente os de alimentos, e a reciclar todos aqueles que non poidan ser evitados, sendo a compostaxe unha das posibles opcións de reciclaxe deste tipo de residuos. 

Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando