Como evitar a humidade en casa de forma eficiente?

A maioría de estudos sobre saúde ambiental apuntan a que a humidade relativa ideal e desexable no ambiente interior dunha vivenda debe de estar entre o 40 % e o 60 %. Un exceso de humidade no ambiente do fogar pode derivar en toda unha serie de molestos inconvintes, que poden ir desde pequenos danos no mobiliario da casa ata problemas de saúde crónicos para quen vive nela. 

Bab0b30f2127c705d3bf57fa26515df85ae740a9
Diversos problemas de saúde, como alerxias, enfermidades inflamatorias ou afeccións de tipo respiratorio como a asma están relacionadas directamente cunha exposición, máis ou menos prolongada, a uns niveis excesivos de humidade ambiental. Nestas contornas, a proliferación dalgúns dos factores causantes destas enfermidades é moito máis elevada: ácaros, fungos e mofo, bacterias, virus…

Doutra banda, a humidade elevada pode orixinar numerosos danos na nosa vivenda e no seu mobiliario, como manchas nas paredes, condensación, pingueiras, problemas de cheiros, desconchóns na pintura, perda de eficiencia enerxética no fogar e un longo etcétera.


E por se isto fose pouco, a humidade excesiva tamén contribúe a crear un ambiente máis desagradable dentro do fogar, aumentando a nosa percepción de frío no inverno e a sensación de calor durante o verán. 

Por todo iso, hoxe imos ver como podemos manter baixo control a humidade en casa seguindo unha serie de recomendacións e consellos  sinxelos que nos axudarán a evitar que se concentre de maneira excesiva no interior da nosa vivenda. 

Como evitar a humidade na casa


Ventilar a vivenda con regularidade

Os problemas máis graves relacionados cun exceso de humidade no fogar adoitan aparecer por motivo da condensación das partículas de auga que están suspendidas no ambiente. Unha das maneiras máis fáciles e efectivas nas que podemos combater estes problemas de humidade é seguindo unhas rutinas habituais de ventilación das diferentes estancias da casa. Permitindo a entrada de aire corrente evitaremos a concentración da humidade e a condensación. No caso de que vivamos en zonas especialmente húmidas, deberemos  ventilar a casa durante pouco tempo, para evitar que entre a humidade do ambiente exterior. 


Non poñer a calefacción demasiado alta

Ademais de ir en contra da eficiencia enerxética no fogar e de aumentar as emisións contaminantes de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro ao medio ambiente, poñer a calefacción máis alta do realmente necesario pode facilitar tamén a concentración da humidade ambiental no interior da casa. Isto débese aos mecanismos propios que dan lugar ao fenómeno físico da condensación, que se produce ao haber un contraste de temperaturas. Neste caso, unha calor excesiva dentro da vivenda e o frío do ambiente exterior do edificio durante o inverno. En xeral, cunha temperatura de entre 19º e  21ºC adoita ser máis que suficiente para gozar dun ambiente agradable.


Usar pintura termoillante

Se a humidade é un verdadeiro problema no noso fogar, quizá sexa interesante pintar as paredes interiores da casa con pintura termoillante. Este tipo de pintura, como o seu propio nome indica, illa as paredes da casa evitando unha transferencia excesiva da temperatura a través dos tabiques e muros da vivenda. Desta maneira evitaremos os problemas de condensación que adoitan ser habituais nas partes da casa que se corresponden con pontes térmicas na envolvente do edificio. Esta medida non só axudará a combater a humidade, senón que con ela podemos incrementar a eficiencia enerxética do noso fogar minimizando tamén as perdas de calor. 


Utilizar un  deshumidificador

A tecnoloxía tamén pode ser unha boa aliada á hora de atallar os problemas de humidade na nosa casa. O aparello indicado para facelo será un deshumidificador, un electrodoméstico cuxa función principal é a de captar a humidade excesiva do ambiente e regular a humidade relativa do aire para propiciar unha contorna máis saudable e agradable. Na actualidade podemos adquirir diferentes tipos de modelos de deshumidificador en función das nosas necesidades: portátiles, refrixerantes,  desecantes, etc. Se nos decantamos por esta opción para evitar o exceso de humidade en casa, debemos lembrar a importancia de revisar a eficiencia enerxética do electrodoméstico antes de compralo. 


Mellorar o illamento das portas e xanelas da vivenda

Un correcto illamento das xuntas das portas e xanelas do noso fogar é clave para optimizar a eficiencia enerxética da casa e evitar as fugas de calor, sobre todo en zonas frías e durante os meses máis duros do inverno. Pero ademais, pode ser tamén fundamental para evitar as filtracións de auga e de humidade desde o exterior do edificio. Por se isto fose pouco, con esta medida poderiamos chegar a aforrar ata un 30 % no noso gasto de calefacción e climatización. Da mesma maneira, revisar e manter o correcto illamento do resto de elementos do cerramento da vivenda é fundamental para evitar as  indeseadas filtracións de humidade.


As duchas, mellor curtas

Durante o uso do baño libéranse grandes cantidades de humidade ao ambiente, por iso, o ideal é que optemos preferiblemente por duchas curtas para minimizar este efecto. Algo que tamén nos permitirá aforrar auga. Por outra banda, é interesante ventilar esta estancia durante uns minutos despois de tomar unha ducha, para evitar que o exceso de humidade se concentre no interior do baño e do resto da vivenda. Outra cousa que podemos facer neste mesmo sentido, é utilizar un extractor de aire que axude a canalizar o exceso de humidade cara ao exterior.  


Acender a campá de extracción ao cociñar e usar as tapas de tixolas, cazolas e potas

Da mesma maneira que a humidade da auga pasa ao ambiente durante a ducha ou o baño, durante o cociñado dos alimentos, ao fervelos ou cocelos principalmente, tamén se xeran grandes cantidades de vapor. Usar a campá de extracción da cociña e tapar as cazolas, tixolas e potas durante o cociñado axudaranos a minimizar esta liberación de humidade ao ambiente do resto do fogar. Esta medida permitiranos tamén aforrar na enerxía que consumimos ao preparar as nosas comidas. 


Tender a roupa fóra de casa 

Para evitar a humidade, sempre que podamos, deberemos tender a roupa fóra de casa, na terraza, o patio ou o balcón. Desta maneira impediremos que a auga que se  evapore ao secarse as nosas pezas quede suspendida no ambiente da vivenda. 


Evitar o uso de estufas e quentadores de gas

As estufas de gas funcionan xerando calor a través da combustión de butano e outro tipo de gases inflamables. Pero con este proceso de combustión non só se xera calor, senón que de maneira colateral libérase tamén vapor de auga ao ambiente como subproducto da reacción química. Por iso, se temos problemas de humidade en casa, é mellor prescindir deste tipo de aparellos de calefacción. 

Artigo traducido ao galego dende Enestadocrudo. Consulta aquí o orixinal.
Foto de Mathias P.R. Reding en Pexels
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando