Catro establecementos de venda de electrodomésticos asociados a ADEN do Concello de Vilagarcía súmanse á Tropaverde
O obxectivo do Concello de Vilagarcía é potenciar a reciclaxe dos pequenos aparellos eléctricos e electrónicos, a través de Tropaverde, cun programa de puntos e premios
As concellerías de Medio Ambiente e de Xestión de Residuos, que dirixen os edís Diego García e Lino Mouriño, xunto coa entidade Tropaverde e a Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos, Aden, pon en marcha catro novos puntos de recollida de vellos electrodomésticos en pleno centro urbano de Vilagarcía de Arousa para facilitar aos veciños o labor da reciclaxe.
Os establecementos que xa contan con colectores gratuítos para o depósito dos pequenos aparellos eléctricos e electrónicos que finalizaron a súa vida útil son Tien 21 Castromán, na rúa Manuel Antonio 15; Tien 21 Ibelga, na avenida López Ballesteros 3; Tendanosa Connecta, en rúa Covadonda 6; e Milar Arousa, na rúa Juan Carlos I, 35.
Ademais, este sistema de reciclar terá premio, xa que por cada depósito que o cidadán faga recibirá un cheque de 30 estrelas que poderá trocar, a través da páxina web de Tropaverde de Vilagarcía, por descontos en comercios, entradas en espectáculos promovidos polo Concello, ou consumicións gratuítas na hostalería. Na actualidade hai 750 persoas que participan destes beneficios por adherirse aos incentivos para reciclar.
A través desta acción de Tropaverde preténdese incentivar as boas accións ambientais e a reciclaxe mediante recompensas directas aos cidadáns vilagarciáns comprometidos. Por este motivo, cada vez que un cidadán acode a un centro habilitado como entidade colaboradora para entregar residuos, recibe un cheque con estrelas que pode cambiar por recompensas en forma de premios e descontos.
Entre os vilagarciáns, os premios que máis se solicitan son as entradas para acudir a espectáculos organizados polo Concello, así como válelos para degustacións e ceas gratis en establecementos de hostalería da cidade.
No Concello Vilagarcía de Arousa este sistema comezou hai uns anos co Punto Limpo de Piñeiral do Rei, e estendeuse a un servizo de Medio Ambiente, nos baixos do Auditorio Municipal, que funciona un día á semana, e no que se poden depositar pequenos aparellos eléctricos como portátiles, teléfonos móbiles; e electrodomésticos, como batidoras, ferros, secadores de pelo, tostadoras, cepillos de dentes eléctricos, tablets, consolas ou xoguetes a pilas.
Agora súmanse este catro establecementos comerciais de electrodomésticos, onde non será necesario facer ningunha compra, nin ser cliente para que reciban os vellos aparellos en desuso.
Vía: Faro de Vigo
Voltar o listado