As "3 R" da Ecoloxía: Reduce, reutiliza e recicla

Os cidadáns poden axudar en gran medida a facer unha xestión máis sustentable dos residuos que produce cada día.

869d61c3619949ef3930a94f6783cb6f228556a1
Producir residuos é unha acción inherente á condición do ser humano. Pero os complexos sistemas de produción e consumo fixeron que, nos últimos tempos, a xeración de refugallos disparouse de forma alarmante, coa particularidade de que os produtos que adquirimos están conformados en moitos casos por materiais que non se degradan facilmente e que, de non ser xestionados de forma correcta, supoñerán unha seria ameaza para a nosa contorna e saúde. 

A Sociedade Galega do Medio Ambiente asume a xestión dos residuos contidos na bolsa amarela (latas, briks e envases de plástico) e bolsa negra (fracción resto). Dentro das súas competencias non se atopa a xestión de materiais tales como papel/cartón, vidro, pilas e residuos especiais recollidos a través dos puntos limpos, que son tratados en cada caso por xestores autorizados. 

Pero, antes de que esta empresa pública poña en marcha a súa operativa, o cidadán pode axudar en gran medida a facer unha xestión máis sustentable dos residuos que produce cada día. A clave, sempre ao seu alcance, reside nas tres erres: Reducir, Reutilizar e Reciclar 

REDUCIR: 

  • Consumindo de forma responsable e facendo unha lista previa co realmente necesario. 
  • Comprando as cantidades axustadas ás necesidades da unidade familiar e adquirindo produtos nos que se teña en conta a data de caducidade, que en todo caso debe diferenciarse da do consumo preferente. 
  • Optando por alimentos frescos e a granel, e elixindo produtos que estean minimamente envoltos, dando preferencia aos envasados que se poidan volver utilizar. 
  • Reparando todos os materiais que resulte posible, como é o caso de moitos aparellos eléctricos que aínda serven e dos que nos desfacemos cada ano. 
  • Dando preferencia aos produtos locais, pois con iso contribuiremos ao desenvolvemento da economía na nosa contorna máis inmediata e evitaremos o exceso de embalaxe que trae consigo o transporte a grandes distancias, diminuíndo ao mesmo tempo as emisións de CO2. 
REUTILIZAR: 

  • Usando trapos de cociña en lugar de rolos de papel, e panos de algodón en lugar da súa versión en papel. 
  • Optando por vasos, pratos e cuncas de louza ou cristal, evitando o uso de desechables
  • Levando de casa a bolsa ou o carriño da compra, evitando utilizar unha nova bolsa de plástico cada vez. 
  • Aproveitando ao máximo o papel, usando sempre as dúas caras das follas e reutilizando as impresas por unha. 
  • Empregando pilas recargables

RECICLAR: 

  • Separando os residuos por tipoloxías e depositándoos nos colectores adecuados. 

UN EXERCICIO DE RESPONSABILIDADE 

Aplicando de forma efectiva o principio europeo das tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar), daremos cumprimento a outro gran principio para a sustentabilidade do sistema, o da responsabilidade compartida.Abandonando o modelo lineal de usar e tirar, e apostando por un circular no que os residuos sexan transformados en recursos, abriremos a porta a un futuro esperanzador.Porque o respecto polo hoxe tradúcese en garantía para o mañá.

Vía: Sogama
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando