A XESTIÓN DE RESIDUOS É O SECTOR AMBIENTAL QUE MÁIS EMPREGO XERA EN ESPAÑA, CON 115.000 POSTOS DE TRABALLO

A economía ambiental representou en 2018 o 2,2% do PIB, cun valor de máis de 26.400 millóns de euros. O emprego nos distintos sectores que a conforman creceu un 4,5%, dous puntos máis que o crecemento do emprego total.

8c141d05d4a53a608ca3fc71df0d3f980774705b

A economía ambiental xerou 316.200 empregos en España en 2018, o 1,76% do total, segundo o avance das contas de bens e servizos ambientais que acaba de publicar o Instituto Nacional de Estatística (INE). Destes postos de traballo, 115.300 corresponden á xestión de residuos, que se consolida, con diferenza, como o primeiro sector ambiental en xeración de emprego.

Cabe destacar tamén que o crecemento anual do emprego en actividades ambientais foi do 4,5%, dous puntos máis que o crecemento do emprego total da economía nese mesmo ano.

Definida como o valor das actividades asociadas á protección do medio ambiente e a xestión dos recursos naturais, a economía ambiental representou o 2,2% do Produto Interior Bruto (PIB) en 2018, cinco centésimas máis que no ano anterior.

O Valor Engadido Bruto ( VAB) asociado á produción de bens e servizos ambientais (en diante  VAB ambiental) situouse en 26.424,4 millóns de euros, un 5,5% máis que o ano anterior, o que supuxo dous puntos por encima do crecemento do Produto Interior Bruto (PIB).

RESULTADOS POR ACTIVIDADES ECONÓMICAS
As actividades cun maior peso no  VAB ambiental en 2018 foron Subministración de enerxía eléctrica, gas, vapor e aire acondicionado, con 10.200 millóns de euros (38,6% do total), e Subministración de auga, actividades de saneamento, xestión de residuos e descontaminación, que superou os 7.600 millóns de euros (28,9%).

Igualmente, a Subministración de enerxía eléctrica, gas, vapor e aire acondicionado foi a actividade con maior repercusión na taxa de crecemento respecto ao ano anterior (1,868 puntos), mentres que a actividade de Construción foi a que menos achegou (0,105 puntos).

As actividades económicas con maior emprego ambiental foron Subministración de auga, actividades de saneamento, xestión de residuos e descontaminación, con case 128.000 postos de traballo (40,5% do total do emprego ambiental) e o sector Servizos, con algo máis de 74.000 empregados (23,5%).

RESULTADOS POR DOMINIOS AMBIENTAIS
As variables recollidas na Conta de Bens e Servizos Ambientais ( CBSA) clasifícanse tamén en función do dominio do medio ambiente afectado.

O dominio cun maior peso sobre o total do  VAB ambiental xerado correspondeu a Produción de enerxía a través de fontes renovables, con máis de 8.900 millóns de euros (33,8% do total), seguido de Xestión de residuos, lixeiramente por baixo dos 6.000 millóns (22,5% do total).

Os dominios ambientais nos que se xerou máis emprego foron Xestión de residuos, con máis de 115.000 postos de traballo equivalentes a tempo completo (36,5% do total), e Outros ámbitos de protección ambiental, con 42.200 empregos (13,3%).

O total de exportacións ascendeu a 5.685,1 millóns de euros en 2018, o que supuxo un incremento do 13,3% respecto ao ano anterior.

Os ámbitos con maior peso nas exportacións foron a Produción de enerxía a través de fontes renovables (31,9% do total) e Aforro e xestión de enerxía e/ou calor (24,3%). Estas exportacións inclúen os produtos enerxéticos (biocombustibles) e bens de equipo vinculados á produción de enerxía eléctrica renovable (grupos  electrógenos de enerxía eólica) e a un menor consumo de enerxía (electrodomésticos da máxima certificación enerxética, principalmente).

Vía: Residuos profesional
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando