A inxesta de microplásticos altera a microbiota intestinal

Investigadores do CSIC descubriron que a dixestión de  microplásticos pode diminuír a cantidade de bacterias beneficiosas presentes no colon.

6edb1669ac266c5897d641fff7e2d939d77078a2
Un grupo de investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) descubriu que a inxesta de microplásticos reduce a diversidade  bacteriana da  microbiota do colon, ademais de producir unha alteración do equilibrio nos microorganismos presentes. O estudo, publicado na revista Scientific Reports, demostrou que tras a inxestión de microplásticos de PET (asociados coa cadea alimentaria) diminúe a abundancia de bacterias coñecidas polos seus efectos positivos na saúde e increméntase a presenza doutros grupos microbianos relacionados cunha actividade patóxena.

“Dada a posible exposición crónica a estas partículas a través da nosa dieta, os resultados obtidos expoñen que a súa inxesta continuada podería alterar o equilibrio intestinal e, por tanto, a saúde”, expón Vitoria Moreno, investigadora do Instituto de Investigación en Ciencias da Alimentación (CIAL) do CSIC.

O estudo, no que tamén participaron o Instituto de Catálisis e Petroleoquímica (ICP) e o Instituto da Cerámica e o Vidro (ICV) do CSIC, adquire unha gran relevancia ao ser o primeiro que avalía o impacto da inxesta de  microplásticos no tracto dixestivo e a  microbiota intestinal humana.

“É necesario coñecer o destino no organismo destes materiais presentes no noso día a día e as consecuencias a curto, medio e longo prazo”, defende Moreno. E é que as últimas estimacións indican que, de media, cada persoa podería inxerir entre 0,1 e 5 gramos de  microplásticos á semana a través de alimentos e bebidas.

Ademais, o estudo mostrou por primeira vez que estes microplásticos poden sufrir  biotransformacións ao longo do tracto gastrointestinal e chegar ao colon cunha forma estruturalmente diferente á orixinal. “Todos estes mecanismos e factores observados, que apenas se están empezando a estudar, contribuirán a pescudar se os  microplásticos poden permanecer no corpo humano e acumularse potencialmente nalgúns órganos e tecidos”, conclúe a investigadora.

EXPERIMENTOS IN VITRO INNOVADORES

Para desenvolver esta investigación, o equipo interdisciplinar do CSIC deseñou un protocolo de simulación da inxesta e dixestión de  microplásticos en condicións fisiolóxicas, que é  extrapolable ao estudo doutros tipos de plástico e tamaños de partícula.

“Mediante o modelo in vitro de dixestión  gastrointestinal patentado polo CSIC, simgi, puidemos albergar a microbiota colónica humana durante a intervención con microplásticos”, explica Vitoria Moreno. Este protocolo, combinado co uso de microscopía electrónica e  espectroscopia, permitiu monitorar os cambios na estrutura e morfoloxía dos microplásticos no tracto dixestivo.

O traballo desenvolveuse no marco da plataforma Susplast e o proxecto europeo sobre o estudo dos efectos dos micro e nanoplásticos na saúde humana, PlasticsFatE.

Artigo de Residuos Profesional traducido ao galego. Consulta aquí o orixinal.
Foto de Elīna Arāja en Pexels
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando