5 ideas para evitar o desperdicio de alimentos en casa
Sabías que un terzo dos alimentos que se producen no planeta tíranse ao lixo sen ser consumidos? Isto equivale a que un terzo da enerxía e os recursos que se utilizaron para producir, colleitar, envasar, transportar e distribuír esa comida tírase tamén ao lixo. Aprende como evitar o desperdicio de alimentos en casa para reducir esta tendencia.
O desperdicio de alimentos é xa un fenómeno global. Afixémonos a comprar moitos máis alimentos dos que necesitamos, deixamos nun recuncho da neveira as froitas e hortalizas ata que se estragan e desfacémonos delas con moitísima facilidade, esquecéndonos do fundamental: as graves consecuencias sociais, económicas e, por suposto, ambientais deste hábito adquirido.
Só en 2019 desperdiciáronse máis de 930 millóns de toneladas de alimentos; é dicir, o 17% da produción alimentaria mundial acabou refugándose. Isto sucede ao longo da cadea alimentaria, aínda que especialmente nos fogares, e os produtos que máis se lanzan ao lixo son as froitas e verduras ‘imperfectas’ (é dicir, con defectos no seu empaquetado, deformadas ou máis maduras da conta), en xeral.
Que impacto ten o desperdicio de alimentos no planeta?
Ademais dun custo económico desorbitado (as perdas ascenden a case un billón de euros por ano), o malgasto alimentario converteuse nunha das grandes ameazas para a supervivencia do planeta. Segundo a ONU, entre o 8 e o 10% das emisións globais de gases de efecto invernadoiro está asociado cos alimentos que non consumimos. De feito, se considerásemos o desperdicio de comida como un país, sería o terceiro maior emisor de CO2, só detrás de China e Estados Unidos.
É por iso que 2020 foi o primeiro ano en que se celebrou o Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos, concretamente o 29 de setembro, co obxectivo de fomentar a redución da perda e desperdicio de alimentos a escala global, xa que as toneladas de alimentos desperdiciadas anualmente axudarían a erradicar a fame no mundo, en aumento desde 2014 –690 millóns de persoas sufriron fame crónica en 2019, cifras agravadas pola crise da COVID, apunta a FAO no seu último informe.
Ideas para evitar o desperdicio de comida na casa
Que podemos facer para evitar o desperdicio de alimentos? Aquí tes cinco ideas facilísimas que terán un impacto positivo no planeta:
- Practica a cociña de aproveitamento, que non é outra cousa que sacar partido aos restos de comida que, por erro, consideramos inservibles e dos que nos desfacemos. Aproveita ata o último alimento e úsao para preparar outros pratos, como caldos, salsas, cremas, batidos e mesmo xeados. Podedes inspirarvos na receita de aproveitamento con talos de espinacas, supersinxela e 100% Zero Waste.
- Dá unha segunda vida aos alimentos ‘imperfectos’. Antes de lanzar aquela peza de froita que deixaches madurar máis da conta ou que non ten a aparencia que che gustaría, para a pensar como podes reutilizala. Proba a facer unha máscara facial con aguacate!
- Ordena a neveira e límpaa a miúdo. Ter unha neveira ordenada axudarache a saber que comida tes e que é o que debes consumir antes para evitar que supere a data de consumo preferente. Unha idea é colocar unha caixa na que gardar os alimentos que debes comer de forma prioritaria ou pola contra acabaranse por poñer ‘malos’.
- Fai unha lista da compra e planifica o teu menú semanal. O primeiro paso para non desperdiciar comida é facer un consumo responsable, así evitamos comprar máis do necesario e, de paso, aforramos diñeiro.
- Investiga: sempre existe unha alternativa! Hai unha chea de iniciativas e apps como Phenix ou Too Good To Go, que che permitirán salvar cestas de comida de comercios locais a moi bo prezo.
Con estes pequenos xestos no teu día a día, axudarás enormemente a reducir a pegada de carbono e contribuirás a un mundo máis sostible. E lembra, toda acción, por pequena que sexa, conta!
Imaxe de Dose Juice
Voltar o listado